Cantante

05 Nov 2021
05 Feb 2022

Cantante

Esta é unha historia dramática pero con final feliz: unha cantante que é contratada para actuar nun café da Coruña no ano 1933, que viaxa en terceira desde Madrid e que cando chega á cidade atopa o local pechado, traspasado, e que o novo empresario se nega a asumir o contrato ou a indemnizala e alega que:

 

“ dadas sus condiciones físicas en que llegó, que eran toda la cara infectada de granos, completamente desfigurada para la clase de espectáculo a que había sido contratada...”, pois, “es público y sabido de todo el mundo que el físico para la presencia al público es complemento del trabajo artístico... Además, la demandante llegó en un estado de afonía que dificultaba el canto...”

 

Araceli, nome artístico de Araceli Estéfano Valle, de 23 anos, fora contratada en Madrid polo propietario do café “Michigan Hall” da Coruña, a través da axencia “Satanela”, para actuar no seu local durante 10 días a partir do 15 de abril de 1933, a razón de 50 pesetas diarias. Tras chegar da viaxe, atopa que o café fora traspasado e non traballaba desde había uns días, pois declarárase unha folga na cidade. Así que, decidida como debía de ser, buscou un avogado e presentou unha demanda no Tribunal Industrial da cidade.

 

Presentou como proba o seu contrato (“cheque-contrato”). Un contrato leonino, por outra parte, que estipulaba que podería rescindirse “cuando el artista fuese rechazado por el público en tres actuaciones sucesivas”; que “abonará al agente intermediario y en concepto de comisión el 10 por 100 de su sueldo diario durante la duración del contrato, prolongaciones y renovaciones...que en caso de enfermedad del artista, éste no tendrá derecho a percibir sueldo alguno y si la enfermedad durara tres días, la Empresa podrá dar por rescindido este contrato”. No entanto, sinalaba que:

“Caso de que la Empresa vendiese, cediese, traspasase o subarrendase el local antes del cumplimiento de este contrato, vendrá obligado a hacérselo aceptar íntegro a la nueva Empresa”.

 

A sentenza do xuíz de Primeira Instancia do Distrito do Instituto, en calidade de presidente do Tribunal Industrial, José Spiegelberg Horno, declarou probado que o contrato era auténtico e que:

 

“si bien la artista tenía algunos granos en la cara tenía en cambio la voz en condiciones de cumplir su cometido y que no actuó, sometiéndola al fallo del público [tal como establecía o contrato], porque el Michigan estaba cerrados aquelos días.”

 

E declarou o dereito da demandante a cobrar a indemnización que reclamaba de 1.500 pesetas.

 

No xuízo declararon outras cantantes como testemuñas de Araceli Estéfano: Ángeles Fernández del Valle, de vinte e catro anos, e Josefa Sanchís Manglano, de vinte e seis.

 

Este preito ten a signatura 2521-25 do fondo do Tribunal Industrial da Coruña. Completamos a reprodución do contrato da artista con dúas fotografías doutro céntrico café coruñés dos anos da década de 1930: o Café Oriental.