28 Feb 2022
28 Mai 2022

O celareiro era, nos mosteiros, o encargado do celeiro ou despensa. O documento que amosamos é a conta do celareiro dunha institución relixiosa da provincia da Coruña a mediados dos século XIII, aproximadamente.

 

É unha nota ou noticia do que gastou (ou “despendeo”) o celareiro ao longo de todo un ano, pois menciona festas celebradas ao longo dese período: San Xoán, Nadal, Entroido... e os gastos que se produciron nelas e noutras ocasións. Escrito en galego, carece das fórmulas habituais que outorgaban validez, xunto con outros caracteres, aos documentos. Tampouco a letra está coidada e componse de dúas pezas cosidas de pergamiño de diferente tamaño.A redacción é bastante confusa. Parece pois máis un apunte ca unha conta formal, pero quizais por iso teña inda máis interese.

 

Polos topónimos que menciona (Cabanas, a Ponte, Betanzos...) e a forma en que nomea os clérigos (“coygos”: cóengos; prior) pensamos que quizais esa institución fose o Mosteiro de Caaveiro, rexido naquela altura por cóengos regulares de Santo Agostiño e gobernados por un prior.

 

Ofrecemos algúns fragmentos desta “noticia”:

 

“Ista e a nodiça do que despendeo o celareyro en dineyros... en pan na festa de Santo Ioane XIIII soldos, en pescado, XXV soldos e III tegas; de sal VI soldos en concas. VI, dúas caldeyras, CXVII soldos; una perna de vaca, II e meo... e nun toucino, una perna de vaca XV; tres soldos ao que midia a cevada; un toucino aos coygos, XX; una ola de manteyga que dey a dona María; en vesugos XVIII dineyros e otra vet, ii emeo en pescaso e outra vet en sardinas....

 

“II soldos ao escriván do arcediagoo; VIII soldos un gavián que deo prior ao arecediagoo...

 

“E oto dineyros en Cabanas con o prior don F. ; IIII ena Seara en Becerit; VIIII quando escudia as maçaas...

 

“en vino aos coynguos, VIII, e en pan, X, et in vinagri, III; en pan e vino ao prior e aos coygos....; en día de Santa Ceciliia en pan e vino...

 

“en vino e empaadas, XX; X en véspera de Nadal en pan e vino en congroos?...

 

“e oto en domingo do Entroydo...; no meu rocín ferrar, XX, quando fomos eu e don F. A Santiago...

“en día de cimsa, XV, III soldos en pan e vino...

 

“Una tega de sal III, quando fui con o prior a Betanços; XIII de que tirey as calças do pror e XVIIIII no cerame do Ioan Sobreno e a Ponte en pan e vin, X, quando comemos na Espiñeyra...”

 

Este documento transcribiuno e publicouno Andrés Martínez Salazar en 1911, no seu libro: “Documentos gallegos de los siglos XIII ao XVI” (A Coruña: Imprenta de la Casa de Misericordia). Ten a signatura 111 da Colección de documentos en pergamiño.