Contas
Estes documentos forman parte dun voluminoso preito que enfrontou ao conde de Ximonde, don Pedro María Cisneros, con don Pascual de Sá Romero, escribán e administrador das rendas que percibía aquel en terras da Limia (Ourense).
Durou tanto o litixio, iniciado en setembro de 1815, que cando se sentenciou definitivamente, en marzo de 1828, xa morrera o conde e o administrador achábase “demente”. Sic transit gloria mundi...
O conde requiría que o administrador rendese as contas das rendas que percibira entre os anos 1796 e 1813 no seu partido da Limia, que eran 1.800 ferrados de centeo, outros tantos de trigo, diñeiro “y otras derechuras”. Ante as dificultades que poñía o escribán, o conde enviara primeiro ao seu irmán Manuel para aclarar o asunto, e finalmente viuse obrigado a acudir el en persoa.
Dicía o conde, empregando unha metáfora que semella pesqueira, que, dos papeis que lle entregara o administrador ao seu irmán, “nada puede deducirse de ellas [das contas] sino el objeto de haver tirado sus líneas a sacar un crecido alcance contra la mía, al propio tiempo que ni presentó los libros y memoriales cobradores ni los más documentos indispensables a su lexitimación...”
E remataba pedindo “... que dicho don Pascual de Saa rinda la cuenta por años de todos los que tubo a su cargo dicha administración, expresando en cada uno las rentas percividas, los precios a que las ha vendido, los pagamentos que hizo de orden de la mía, las más cargas que haiga satisfecho... todo con arreglo a papeles, de lo que resulte de los libros de caxa y memoriales cobradores...”
Pero, ademais da información que ofrece e da integridade que presenta, o preito ofrece o interese engadido dos recibos, cartas e un libro de contas encadernado en coiro recollidos polo irmán do conde na súa visita ao administrador. É un pequeno conxunto de nove diferentes pezas na que nos sorprende o material empregado para protexer os cantos de cada caderno: unha tea basta que parece cuberta de “pez”, a substancia que se empregaba e se emprega aínda para impermeabilizar a cerámica.
A sentenza deu a razón ao conde.
Este preito ten a signatura 2558-23 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.