Despedimento

18 Abr 2022
18 Xuñ 2022

Despedimento

O 11 de setembro de 1934, José Eiroa Mosquera demandou ante o Xurado Mixto de Ferrol. Rama da Construción Naval á Sociedad Española de Construcción Naval, na persoa do seu xerente-director, Augusto Miranda Maristany , por despedimento improcedente.

Os xurado mixtos era entidades de conciliación laboral, con participación de patróns e obreiros e presididos por un xuíz de primeira instancia, nas reclamacións por despedimentos, abono de diferenzas salariais e horas extraordinarias.

Eiroa, empregado nas oficinas da factoría que a sociedade tiña en Ferrol, publicara un artigo o día 6 de setembro no xornal de Vigo “El Pueblo Gallego”, no que criticaba a política de despedimentos da empresa. O artigo titulábase: “Un viejo pleito: la Constructora Naval y los despidos de obreros”.  Ese mesmo día foi convocado ao despacho do xerente e despedido a continuación.

Posteriormente, na Guerra Civil, tanto Eiroa  coma o seu avogado, Alfonso de Cal,  alcalde de Valdoviño,  ambos os dous militantes do partido Unión Republicana (UR), foron xulgados por rebelión  e executados o 9 de novembro de 1937.

A empresa acusou ao traballador de deslealdade e defendeu que houbera causa xusta no despedimento, pois Eiroa publicara un artigo “denigrante” para a sociedade ao escribir que “no tenía entrañas, lanza a la calle a sus obreros para que sirvan de conejillos de indias a fin de obtener los favores del Estado, padece delirios de grandeza...”, sendo “intolerable que la ofensa venga precisamente de un empleado llamado, por este motivo, a poner el mayor celo al servicio de la entidad donde presta sus servicios...” E que tampouco non podía “dejar sin sanción el hecho que motivó el despido por la peligrosidad del precedente que pudiera dar lugar, caso de quedar impune, a que surgiesen numerosos imitadores.”

Eiroa alegou, entre outras cousas: 1. Que non había razón para o despido, posto que as opinións plasmadas no artigo podían desagradar á empresa pero non eran inxuriosas, e por tanto non constituían falta grave de respecto e consideración (como exixía o Código de Traballo para admitir o despedimento); 2. Que nunca fora sancionado pola empresa nos 12 anos que levaba a traballar nela; 3. Que publicara o artigo na súa condición de xornalista, non de empregado do estaleiro, e que noutras ocasións escribira artigos sobre a sociedade sen que ninguén lle chamara a atención por iso (pola contra, nalgunha ocasión fora felicitado polos seus xefes); e 4. Que na súa condición de militante de esquerdas estaba a ser perseguido polo xefe de contabilidade da empresa.

O xurado mixto fallou o 25 de setembro de 1934 a favor do demandante e condenou á empresa á súa readmisión, pero o xuízo anulouse polo Ministerio de Traballo, que apreciou defectos na emisión do veredicto. Repetido o proceso, o 24 de febreiro de 1936 volveuse considerar non haber causa xusta para o despedimento e xa que logo ratificouse a condena á empresa expresada na sentenza anterior.

O preito, que ten a signatura 2552-33, está dispoñible na súa integridade en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.