Nacemento

01 Mar 2023
01 Xuñ 2023

Nacemento

Manuel Martínez Murguía naceu o 17 de maio de 1833 e morreu o 2 de febreiro de 1923, hai agora un século. Sobre o seu nacemento e bautismo, el mesmo sinalou Pastoriza (Arteixo, A Coruña), en carta a Carlos Fort, onde fóra a súa nai, Concepción Murguía, “a unha ofrenda”.

 

Xosé Ramón Barreiro Fernández, autor da súa biografía, sinala que o nacemento non foi en Pastoriza senón en Froxel, freguesía de Oseiro, anexo a aquela, e relaciona este feito - estraño, pois o que ía ser o seu marido (aínda non estaban casados) residía daquela na Coruña, onde tiña unha botica – coa procura dun lugar fóra da cidade mentres arranxaban os papeis do casamento.

 

O contido dunha carta do fondo de Andrés Martínez Salazar, custodiado no arquivo, que un xeneroso investigador tivo a amabilidade de poñer no noso coñecemento onte, ven botar luz, ou quizais a escurecer aínda máis este episodio, esencial na vida de calquera persoa e máis se se trata dun personaxe sobranceiro.

 

A carta en cuestión é de Galo Salinas a Andrés Martínez Salazar e está datada precisamente dous días despois do falecemento de Murguía. Nela, Salinas laméntase deste acontecemento e sinala erros na “semibiografía que hace La Voz de Galicia”, un deles o lugar do nacemento de don Manuel:

 

“... adviértense dos errores fundamentales: Murguía no nació en Santiago sino en La Coruña, en el lugar del Couto, cerca de la fuente de Santa Margarita; alguna vez paseando con él por aquellos parajes me enseñó el patín de la casa en que naciera; fue a Santiago al lado de su tío materno, que era farmacéutico y allí estudió también para boticario, si bien creo no terminó la carrera...”

 

Pero Salinas erra tamén neste último punto, pois quen tiña a botica en Santiago era o pai, que rexentaba outra na Coruña, e logo máis tarde se trasladaría a Compostela, onde Manuel comezaría os seus estudos ata rematar o Bacharelato no ano 1851, segundo demostrou Barreiro. Despois, marcharía a Madrid para estudar Farmacia.

 

A carta ten a signatura 5844-2-22. Ilustrámola cunha fotografía do monumento á Murguía nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.