06 Dec 2021
06 Mar 2022

Un preito sobre o contrato incumprido de arrendamento dunha casa na Coruña ofrece datos sobre a utilización da torre de Hércules como baluarte defensivo durante o cerco a que estivo sometida a cidade polo exército inglés en maio de 1589. Convida tamén á reflexión sobre o interese dos documentos para a investigación histórica: é máis importante coñecer máis datos (ou máis ben, recreármonos sobre o xa coñecido) sobre a torre de Hércules ou destacar aspectos inéditos da sociedade e da economía da cidade que sufriu o ataque do “inimigo” inglés? Parécenos que nin uns nin outros senón a totalidade.

No preito, Nicolao de Araújo, “solicitador” [axente ou apoderado] do conde de Monterrei diante da Real Audiencia de Galicia, pide que se lle devolva a posesión da casa que tiña arrendada a Pedro Conde, procurador do tribunal, na rúa da Alfatería, ao carón da igrexa de Santiago, que achou ocupada por outras persoas tras regresar de Portugal, fuxido do cativerio que lle fixeran os ingleses durante o cerco da cidade:

“... aviendo benido la armada inglesa y çercado esta çiudad y abiéndome cautibado en el çerco de ella y llebado cautibo asta el reino de Portogal y abiendo yo dexado en la dicha casa el ato y ajuar que tenía con los papeles del dicho conde, los dichos acusados, luego como se lebantó el cerco de la çiudad, por fuerça y contra mi boluntad fueron a la dicha casa y se metieron en ella y me hiçieron de menos un manto de seda de mi muger e tres jubones y un de cuerpo de raso guarneçido de terçiopelo y una capa mía y una ropilla de chamacote y mucha ropa blanca y de cama y otros ajuares de valor de más de çinquenta ducados...”

Okupación? Non parece que fose o caso, pois foi o propietario, Pedro Conde, quen, en ausencia do Nicolao, decidira acoller outro arrendatario, Jácome Sánchez, mercader, e logo este compartiu a casa con outro, Pedro Fernández, barbeiro...

Na información que a Real Audiencia autoriza facer, diversas testemuñas do demandante dan fe de que viron ao Nicolao vivir e facer obras de reparación na casa e de como era costume na cidade que o propietario avisase con antelación ao arrendatario por San Xoán ou San Miguel (ou por Nadal di outra) se quere que desaloxe a casa, e non o facendo, que este puidese continuar durante un ano na casa. O problema era que, ao parecer, o Nicolao metérase na casa tres anos antes sen facer escritura de arrendo e sen lle pagar un triste marabedí ao propietario durante todo ese tempo. Só aducía como proba, ademais dos testemuños, unha carta "minsiva" na que o propietario non se comprometera a nada, aínda que si expresaba o seu desexo de lla arrendar.

Outra testemuña (Lorenzo García, artilleiro), foi a que relatou como foron prendidos el e o Araújo polos ingleses:

“... que antes que la harmada de la reyna de Yngalaterra llegase a poner çerco a esta çiudad de la Coruna el dicho testigo conosçió de vista al dicho Nicolao de Araújo... Y después que el enemigo llegó con su armada al puerto de esta çiudad y tomó la Pescadería de ella, aquella noche vio ... que el dicho Nicolao... se subía con el testigo arriba al castillo biejo y llebaba una hespada e yba en cuerpo, donde el dicho testigo y él... estubieron asta terçero día que el.. Nicolao... se entregó a los enemigos, e después el... testigo a los seis días se entregó tanbién al henemigo y le llebaron tanbién preso y le puseiron donde estava tanbién el... Nicolao... preso, a donde se hestubieron asta tanto que se enbarcaron en la dicha armada y despúes que se enbarcaron... no le vio más...”

Así que o relato máis ou menos épico do cerco e ocupación da armada inglesa de parte da cidade permítenos coñecer tamén moitos outros detalles de interese da vida da cidade naquela altura.

Ismael Velo Pensado, cóengo arquiveiro da Colexiata de Santa María, xa dera conta deste preito na súa tese de doutoramento, que fixo sobre a cidade da Coruña no século XVI (“La vida municipal de A Coruña en el siglo XVI”. A Coruña: Deputación Provincial, 2020. 2ª ed.). Agora, un erudito compañeiro alertounos sobre a súa existencia, que corrobora outras noticias que daba Tettamancy Gastón, citando un manuscrito do Arquivo Municipal do que non deu unha referencia concreta, na súa obra sobre a Torre de Hércules (La Torre de Hércules: impresiones acerca de este antiquísimo faro bajo aspecto histórico y arqueológico).

O preito ten a signatura 25047-32 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.