Presos

30 Ago 2023
30 Nov 2023

Presos

O Ministerio do Interior transferiunos recentemente os expedientes persoais dos internos da Prisión Provincial da Coruña (1928-1971), que constitúen unha parte do seu fondo documental, custodiado no Centro Penitenciario de Teixeiro (Curtis, A Coruña).

As prisións provinciais acollían fundamentalmente presos en espera de xuízo ou aqueles condenados a penas menores, pero algunhas estiveron autorizadas tamén, desde o ano 1930, para manter internos de determinadas penas maiores. Esta situación subsistiu ata que un decreto do ano 1968 suprimiu as prisións provinciais, de partido e municipais e as substituíu por "centros rexionais" ou "interprovinciais" e "centros de dilixencias", todos eles destinados á detención temporal ou a penas inferiores a seis meses.

Os expedientes que recibimos suman máis de 7.500 e achegan información sobre a poboación reclusa do establecemento que a fins da década de 1920 herdou a función do vello cárcere da Audiencia, derrubado naquela altura, que se achaba ao carón do palacio de Capitanía Xeral e Audiencia Territorial, na Coruña.

Estes documentos corresponden á homes e mulleres condenados por delitos comúns (furto, roubo, prostitución, fraude, pero tamén por motivos políticos ligados á represión durante o franquismo). Algúns deles, por exemplo, fórono por “auxilio a bandoleros”, é dicir aos maquis ou fuxidos que actuaron contra o franquismo despois da Guerra Civil. Así Rogelio Salgado, condenado a dous anos de prisión nun consello de guerra sumarísimo que incluíu a numerosas persoas da terra do Deza por apoiar “a los bandoleros capitaneados por “El Foucellas” en aquella comarca...”

A sentenza que insire o expediente de Salgado, do ano 1948, afirma que unha parte dos acusados formaba parte “de una célula comunista en la villa de Lalín; encargándose [tanto] de recaudar fondos para familiares de presos políticos como de prestar servicios de notoria eficiencia a los bandoleros..., sirviéndoles de enlace en cuantos cometidos se les encomendaron por aquellos foragidos, así como el buscarles alojamiento adecuado y llevarles encargos hacia lugares en que aquellos no podían desplazarse...”

Este expediente ten a signatura 120051-22