Os días 15, 16 e 17 de agosto de 1815, celebráronse na cidade da Coruña solemnes festas para celebrar a proclamación de Fernando VII como rei de España. Con ese motivo, o Concello da cidade promoveu a publicación dun folleto no que se ofreceu un “breve resumen” dos actos que se celebraron.
Lembremos que, trala saída dos franceses de España e o regreso de el-rei, este, o “Deseado”, negárase a asinar a Constitución de 1812 e restaurara o absolutismo, tal e como lle pediran, entre outros, 69 deputados das Cortes no chamado “Manifesto dos Persas”.
O folleto gaba a figura de el-rei e relata, en ton sempre apoloxético, as celebracións organizadas pola corporación municipal. As descricións son de grande interese porque reflicten uns rituais que semellan de antiga tradición.
A iniciativa correspondía en todo momento ao Concello, pero nos festexos estaban presentes as outras institucións da cidade: capitán xeneral, Audiencia, Intendencia, Consulado, Correos; e, por suposto, os gremios (mareantes, ferreiros, panadeiros, teceláns, carniceiros, carpinteiros...) e o vecindario en xeral, que participou do xúbilo "de un modo sorprendente y extraordinario". Os diferentes rexementos militares de guarnición na praza tiveron tamén un protagonismo indiscutible coa formación e acompañamento en todos os actos.
Unha “fragata del comercio, perteneciente a D. Juan Bautista de Larragoyti”, saudou con 21 canonazos, pero non puido repetilos nos días seguintes “en razón de la suma escasez que se padecía de este artículo”.
Houbo iluminación nocturna, foguetes “voladores”, funcións de comedia e, por suposto, bailes (ademais das danzas gremiais executadas diante das casas do Concello).
Outro dos aspectos máis interesantes foi a construción dunha arquitectura efímera diante do palacio da Real Audiencia por encargo dos capitulares ao “Arquitecto titular Don Fernando Domínguez y Romay”, pois as casas consistoriais, “por su vejez y mala fábrica carecen del decoro para unos actos tan augustos y grandiosos...”
Este edificio, en forma de templo clásico, tiña uns 30 metros de fronte (108 pés) e 12 de altura (46 pés). Entre a súa decoración incluíanse frases e poemas que enaltecían ao monarca e ao réxime absoluto. Poemas coma este:
“Grandes son de un Monarca los cuidados,
grande la vigilancia si quisiere
sus dominios tener bien gobernados;
nuestro buen REY FERNANDO los prefiere
al ocio en que otros viven sepultados.
Inquisición, Consejos... todo inquiere,
Todo ve con sus ojos paternales,
Inclusos calabozos y hospitales.”
O texto remata cunha nota alusiva ao levantamento de Porlier:
"Estando ya próxima a darse a luz esta narración, ocurrió el desgraciado suceso, que todos saben, de intrusar el ex-General Porlier en el mando de esta Plaza, cuyo aconteimiento ocasionó el trastorno y pérdida de papeles y el retardo de la impresión."
Este folleto, do que non constan apenas exemplares noutras bibliotecas públicas, apareceu entre os documentos da familia Carré. Ten a signatura 26957-/8-5-2.