18 Mar 2022
18 Xuñ 2022

Este soneto, e os versos que o acompañan, forma parte dun longo e ruidoso preito que enfrontou a Pedro Domingo Sánchez Vaamonde, escribán da Real Audiencia de Galicia, co provisor (xuíz eclesiástico) da cidade de Ourense por cuestións de xurisdición entre os anos 1765 e 1778. É dicir, ao poder da Coroa, representado pola Real Audiencia, co poder da Igrexa. Algo nada infrecuente durante o Antigo Réxime (antes do século XIX).

Escribiunos probablemente don Luis Vázquez (creounos ou copiounos dalgún outro papel?), capelán de don Felipe de Toubes, un fidalgo do Ribeiro contra o que preiteaba o Mosteiro de Melón. Como se observa, escolleu como un dos brancos das súas invectivas o escribán e quizais tamén o abade de Melón. Por que?

É unha historia ben revirada. Como receptor do tribunal (escribán enviado en comisión), Sánchez Vaamonde deu (“con la iglesia hemos dado, Sancho amigo”, dicía don Quixote) coa oposición do provisor de Ourense, que casualmente era irmán do demandado .

Tras executar unhas dilixencias de embargo na casa dun labrego que pagaba rendas a ese demandado, resultou que os bens embargados (unha vaca coa súa xata e unha arca), non eran do paisano senón do capelán, que os prestara a aquel con interese (aparcería). E por aí viñeron os problemas.

O capelán invocou o foro eclesiástico e denunciou ao escribán diante do provisor de Ourense. Logo, Sánchez Vaamonde foi excomungado por diversas “inxurias” ao provisor e posto preso na cadea eclesiástica de Ourense. E alí debeu de permanecer longo tempo ata que conseguiu que a Real Audiencia o rescatara por un “auto de merelegos” (que denegaba a xurisidición eclesiástica).

O “papelón” ou “pasquín” púxose de noite, pegado con seis obleas, na porta da casa onde se realizaban as dilixencias xudiciais:

“... se ha puesto la noche del día diez, amaneciendo, al onze, que hes el de oy [decembro de 1765], un papelón o pasquín equíboco e ynfamatorio escrito de letra finxida y contraecha en la puerta de la casa de este auditorio... y para los efectos que aya lugar... protesta arrancar dicho pasquín y juntarlo a los autos...”

Entre as inxurias proferidas por Sánchez Vaamonde ao provisor, achábanse a de oír misa estando excomungado e desprezar con expresións pouco elegantes esas e outras disposicións eclesiáticas.

Así, unha testemuña declarou que:

“... éste, sin envargo de ello y estando ligado con las mismas zensuras se propassó a oir misa en la iglesia parroquial de esta... feligresía desde las puertas prinzipales de ella...; y admás de ello save y le consta que haviéndose saludado con el mismo receptor Antonio Ferro, de la misma feligresía en donde posava, preguntándole cómo se hallava de su achaque, dicho receptor resueltamente le respondió que después que le avían excomulgado y puesto en tablillas con comisión de su merced el provisor de este Obispado se hallava muy mejorado, pero que fuera lástima no fuese al tiempo que havía thomado la purga, para limpiar con aquellos papeles el orifizio, cuios dichos han parecido muy mal al testigo y más que lo han oydo...”

Este preito ten a signatura 2612/51 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.