Táboa

13 Dec 2021
13 Mar 2022

Táboa

Velaquí un exemplo antigo de táboa de multiplicar. Atópase nun preito da Real Audiencia de Galicia de fins do século XVI e comezos do XVII e non parece que teña nada que ver co asunto de que fala este. Trátase dun papel dobrado e cosido no medio de dúas dilixencias do proceso do ano 1605. É probable que orixinalmente envolvese algún documento de proba achegado polas partes ao preito e que logo o oficial da escribanía que o coseu ao finalizar este non soubese interpretar o seu significado  (que sería meramente utilitario) e o colocase ao revés. Pero isto é só unha suposición.

Como se observa, é un cadro escalonado verticalmente conforme avanza a secuencia dos números do 1 ao 10, coa particularidade de que o vértice, que coincide coa secuencia do 10, se atopa abaixo e a parte máis ancha (secuencia do 1) no cimo.

En cada cadro represéntanse dúas cifras: abaixo, a serie do "1" ao "10"; arriba, o produto de multiplicar cada un deses elementos polo número correspondente da táboa: 1x1=1, 1x2=2, 1x3=3...

A partir do número "2",  a táboa diminúe en tamaño, pois os números sucesivos omiten os cadros correspondentes aos resultados da multiplicación dos anteriores. Por exemplo, a secuencia do "4" comeza no "1" e salta despois directamente ao "4"; a do "5" iníciase tamén no "1" para saltar logo ao "5 e así sucesivamente ata chegar ao 10, que só ten dous cadros: 10x10 e ¡10x100!

Á dereita da táboa anótase aquela "retahíla" que antes se estudaba nas escolas: "unidad, dezena, centena, millar, dezena de millar, centena de millar..." Un millón era un "quento" (como agora para a maioría), e proseguía: "dezena de quento, çentena de quento, millar de quento, dezena de millar de quento, centena de millar de quento, quento de quento (un billón)".

Debaixo lemos: "Para Nuno Ansurez? de Cardosso, que Dios guarde".

O preito enfrentou ao Convento de Santa Clara de Pontevedra con dona Tareixa de Pazos, don Paio de Lobeira e outros sobre os muíños dos pelamios da cidade.

Na volto do folio anterior á folla que contén a táboa atópase a dilixencia que da fe da sentenza [interlocutoria ou de proba] pronunciada pola Audiencia en seis de setembro de 1605:

"Pronunciaron esta sentencia los señores Gobernador y Oidores deste dicho Reino, en audiencia pública en la Coruña, a seis de septiembre de mil e seiscientos y çinco..."

 No folio seguinte, figura unha petición do procurador do Convento.

Este preito ten a signatura: 2293-75 do fondo documental da Real Audiencia de Galicia.