11 Feb 2022
11 Mai 2022

Da antiga Intendencia de Galicia, a institución que foi antecesora, en parte, das delegacións de Facenda e da Axencia Estatal Tributaria en Galicia, só se conserva unha parte do fondo documental. O resto debeuse perder en sucesivos traslados e polas malas condicións dos locais onde se gardou durante os séculos XVIII, XIX e parte do XX na cidade da Coruña.

 

Entre eses documentos, atopamos hoxe moitos exemplares en mal estado de conservacións,  en agrupacións de tanto interese como os libros da Única Contribución (Catastro de Ensenada) ou os expedientes de venda de bens nacionais durante os procesos desamortizadores, no século XIX.

 

A teimosa pescuda dun compañeiro, que atopou no fondo da Delegación Especial de Facenda da Coruña un expediente que acumula  os antecedentes sobre a entrega do edificio “ao ramo da Guerra”, permítenos hoxe afondar nas circunstancias en que eses documentos se almacenaron no antigo edificio da Veeduría, logo sede da Intendencia e máis recentemente Goberno Militar da Coruña.

 

Efectivamente, ese antigo edificio, que parece ter orixe no século XV, foi cedido á Coroa polo conde de Grajal e marqués de Montaos en 1640, e pasaría a ser residencia dos intendentes e sede das súas oficinas (ou dalgunhas delas) durante o século XVIII.

 

Trala supresión das intendencias (1849), o edificio seguiu a ser sede dalgunhas oficinas da Administración de Facenda e local de arquivo para os seus documentos (entre eles os da Única Contribución), pero tamén comezou a aloxar diversas dependencias militares.

 

A presión dos militares por incrementar o espazo para as súas oficinas e arquivo a costa das dependencias de Facenda foi incrementándose ao longo da segunda metade do século XIX e culminará en 1935 coa orde de desaloxo que o Ministerio de Facenda enviou á Delegación de Facenda, que, a pesar de ter trasladado xa as súas dependencias e arquivo a outras instalacións, seguía a opoñer resistencia a unha cesión que consideraba inxusta.

 

Sen entrarmos nos argumentos aducidos por uns e outros nesa porfía, o que si delatan os documentos é a extrema precariedade que atinxía daquela a todos os ramos da Administración Pública, ao Estado en suma.

 

No expediente que comentamos, descríbese, por exemplo, o estado lamentable en que se atopaba o arquivo da antiga Intendencia en 1908, que ocupaba locais situados nas catro esquinas do edificio:

 

“... Cuatro son los locales que el ramo de Hacienda tiene a su cargo en el edificio; destinados en los ángulos N.E. y N.O de su planta baja y las dos restantes en planta de sótano en los ángulos S.E. y S.O. del mismo.

 

“El local N.E. ,con entrada por el vestíbulo principal, tiene unos 30 mde superficie, está abovedado y recibe luz por una pequeña ventana a la calle de Damas. Es reducido, húmedo y oscuro... Es inadecuado para archivo...

 

“Al local N.O. da paso una puerta interior al pie de la escalera de servicio; tiene este local dos ventanas sin reja al patio principal y tres ventanas más a la calle de la Amargura; está dividido interiormente en dos por un tabique, restando mucho espacio al de entrada una gran caja o depósito de sillería correspondiente a algunas letrinas de los pisos altos, un fregadero, un horno de mampostería inútil y una gran chimenea y fogón de piedra emplazada en el centro del local que sirve de apoyo al piso superior y que carece de salida de humos por haber sido ésta suprimida hace años por amenazar ruina su chimenea. La superficie aproximada de este local es de 60 m2. Se hallan en pésimo estado los pisos y enlucidos, inútiles por carecer por completo las ventanas al patio; en muy mal estado las ventanas exteriores y lo mismo buen número de vigas y pontones de su techo, que viene a constituirlo el piso de una parte del antiguo pabellón del Intendente Militar. Por efecto de la constante filtración y emanaciones del depósito de letrinas, así como por la humedad del piso, se hallan en putrefacción o hechos ya polvo multitud de legajos de los contenidos en este local...”

 

“El local situado en planta de sótano al S.O. del edificio tienen su entrada por la calle de la Amargura y hay en él un pequeño ventanillo a la travesía de la Amargura... Es extraordinariamente húmedo, está sujeto a filtraciones de las letrinas y alcantarillas próximas... Efecto de estas filtraciones y de la carencia absoluta de ventilación es el mal estado de conservación de las vigas de su techo... y lo es también la destrucción casi completa de la documentación que se almacena en el local, deshaciéndose muchos legajos al tocarlos y habiendo llegado a formarse sobre el piso, bajo montones de aquellos, una gruesa capa de polvo o pasta, efecto de su putrefacción...”

 

Dise tamén noutras pasaxes deste informe e noutros documentos do expediente que habitaban aqueles locais numerosas ratas, que non contribuirían precisamente á conservación dos documentos.

 

Como dixemos, a disputa entre a Delegación de Facenda e o Goberno Militar viña de lonxe,  e así constan no expediente informes dos anos 1897 e 1898 nos que Manuel Murguía, como arquiveiro que era de Facenda naquela altura, defende, coa claridade e contundencia que lle era habitual, a preeminencia deste ramo sobre o militar á hora de dispoñer daquel edificio.

 

 

Sobre a casa da Veeduría, consérvanse no Arquivo Xeral de Simancas diversos planos. Dous deles, do ano 1758, débense ao enxeñeiro militar Antonio Gaver con motivo das obras de reforma que se proxectaban facer no edificio, e axúdannos a entender mellor a descrición que se reflicten no informe do que falamos:

 

http://www.mcu.es/ccbae/es/consulta/registro.do?id=179750

 

 

http://www.mcu.es/ccbae/gl/consulta/registro.do?id=179751

 

 

Destes planos deu conta  Julio Estrada Nérida no seu día. 

 

Este expediente ten a signatura 1401.