Viño

13 Mai 2022
13 Ago 2022

Viño

Xa se sabe que o “Elisir d´amore”, ese marabilloso fluído que facilita (ou entorpece) as relacións amorosas e do que bebe a famosa ópera de Donizetti, o viño, ten que dar moitas voltas antes de chegar á copa ou ao vaso onde, co seu arrecendo e sabor, obrará o milagre que engaiole a Cupido só un momento antes que a Baco. Máis aínda naquelas terras nas que, desde a Idade Media, o viño constituía o centro das relacións económicas e sociais.

 

Un preito que enfrentou a Alonso da Rigueira co Mosteiro de San Paio de Antealtares no ano 1579 permite albiscar o que podía ser aquel mundo de viñas, labregos, cabaleiros, viño e mosteiros.

 

Na disputa do século XVI que mencionamos achegáronse como probas documentos medievais (nada menos que 21, escritos en galego e sobre pergamiño) que testemuñan como un cabaleiro (ou cabaleiros, pola separación temporal que hai entre os documentos) da terra de Deza, co nome de Diego Gómez (probablemente fosen pai e fillo) mercou (ou mercaron) desde 1282 rendas en viño (é dicir, o dereito a cobralas) ou viñas na aldea de Cabanelas, en Santa Baia de Banga (O Carballiño, Ourense), a diferentes persoas. Máis tarde, eses cabaleiros doaron esas renda ao mosteiro de San Pedro de Ansemil (Silleda, Pontevedra), que a fins do século XV se integraría no Mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago.

 

As imaxes de case todos eses documentos están accesibles en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, vinculadas ao preito do que proceden.