07 Mar 2013
 Entre os documentos reais figuran os outorgados en nome de Alfonso XI, Fernando IV, Pedro I, Enrique III, Xoán I e Xoán II. Neles concédense beneficios e exencións á Vila de Baiona, como a carga e descarga no seu porto e os relacionados coa frota de Portugal. Moitos destes privilexios son confirmación doutros concedidos polos anteriores monarcas, destacando o Privilexio Rodado de Xoán II, de 1420, onde confirma os bos usos e costumes dados á vila polos seus antepasados. Trátase do documento máis solemne e vistoso, en pergameo de gran formato. Teñen gran importancia os elementos de validación, destacando o signo policromado en forma de roda, de aí o seu nome, que consta de tres espazos circulares, dos cales o máis interior ten o emblema da coroa, formado por dous castelos de tres torres ameadas e dous leóns rampantes contrapostos en cuarteis. A cada lado da roda distribúense en columnas os nomes dos confirmadores. Falta o selo de chumbo. As provisións reais, onde se conceden mercedes á Vila de Baiona, son dos Reis Católicos e de Felipe IV. As Bulas, escritas en latín, son do século XVI e fáltalles o selo de chumbo. Todos eles están restaurados. Soamente a Provisión Real de Felipe IV conserva o selo de placa e algúns, debido ao seu estado de conservación, presentan problemas de lectura. Estes documentos son o testemuño da importancia histórica que tivo a Vila de Baiona, polo que se pode considerar unha das vilas máis ilustres de Galicia.