Dous protocolos notariais do século XVIII e un do XIX, custodiados no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, están a ser restaurados pola conservadora-restauradora, Sylvia Fernández Bueno

03 Out 2013

Dous protocolos notariais do século XVIII e un do XIX, custodiados no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, están a ser restaurados pola conservadora-restauradora, Sylvia Fernández Bueno

A falta dun obradoiro de restauración neste arquivo fai que o labor da custodia dos documentos sexa, ás veces, moi difícil, pois o mal estado do soporte da escritura vai máis aló de onde a conservación preventiva pode chegar. Isto leva a que moitos dos documentos conservados neste centro deban ser excluídos da súa consulta á espera de que a acción dos axentes que os degradaron sexa tratada. De aí a aposta do AHPPo pola restauración dos documentos, por agora, protocolos.
Os protocolos dos anos 1798 e 1800 do notario da vila de Vigo, Domingo Antonio Núñez Lourido, e do ano 1768, do de Bouzas, Tomás Romero Carrera, foron os elixidos para iniciar o tratamento. Os tres teñen moi dañados o soporte celulósico e as tintas sustentadas nel. As razóns desta desfeita son as condicións ambientais adversas (humidade e temperatura) ao longo do tempo, que provocaron non só alteracións directas senón tamén a proliferación de fungos e bacterias pola existencia dun microclima. Esta intervención permitirá que, de novo, poidan ser consultados na mellores condicións.