UNHA BOA SEMANA
O salientable da mostra non foi só o período cronolóxico abranguido, dende o século XVII ata o XX, senón tamén, a diversidade de fondos que proporcionan as fontes para o seu estudo. Estas permiten rastrexar os seus antecedentes coa explotación das salinas e a chegada dos fomentadores, a implantación de factorías de salgadura e, por último, a industria conserveira.
Así, xa no ano 1735, as Respostas xerais ou Interrogatorios do Catastro do marqués da Ensenada deixan constancia das salinas da S.M. en distintos puntos da costa de Pontevedra.
É doado comprender, por outra banda, que o fondo notarial proporcione un gran número de documentos relativos á constitución de sociedades, aos contratos de servizos ou á necesidade de que o notario levante acta de determinados feitos relativos á propia actividade empresarial.
Tamén, a relación dos contribuíntes coa Administración fai que se xere documentación derivada das obrigas fiscais das persoas físicas e xurídicas. Neste sentido, no fondo da Delegación de Facenda de Pontevedra pódense atopar, entre outros, os expedientes dos fomentadores da sal, as fábricas de salgadura e de conservas catastradas nos anos trinta do século XX, os balances das sociedades mercantís do ramo ou a súa matrícula industrial.
Así mesmo, no fondo da Organización Sindical (AISS), a relación laboral dos traballadores do sector conserveiro vese regulada mediante os convenios colectivos asinados ad hoc.
Non podemos esquecer os fondos familiares, onde a súa actividade mercantil vese reflectida a través da súa correspondencia, as súas memorias, os proxectos de obras das súas fábricas ou os seus documentos contables.
Sen dúbida ningunha, foi unha boa semana. O esforzo que se fixo viuse compensado pola receptividade dos cidadáns do noso facer. Temos a sorte de facelo en beneficio de todos Nós.