ACTIVIDADES DO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

Actividades do Arquivo Histórico Provincial de Ourense
20 Out 2021

ACTIVIDADES DO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

1 - Visita dramatizada "Os segredos dos franciscanos" (aprox. 90 min.)

Trátase dunha visita dramatizada deseñada especialmente para complementar coñecemento sobre o legado histórico e artístico que os franciscanos deixaron na cidade de Ourense.

Nesta actividade tamén se pon en valor o patrimonio documental, moi rico e descoñecido para moitas persoas de calquera idade, dunha forma amena, dinámica e adaptada a cada nivel educativo.

Xoana a lavandeira e Frei Xan o Farrapeiro invítanvos a descubrir os segredos dos franciscanos a través dun percorrido por lugares emblemáticos da cidade que remata cun entretido xogo histórico no claustro do antigo convento de San Francisco, hoxe sede o Arquivo Histórico Provincial.

2- Obradoiro de escritura medieval (aprox. 90 min.)

Actividade na que se realiza un obradoiro moi participativo relativo á escritura da Idade Media, poñendo en valor singulares documentos históricos do período. Aprenderase como elaboraban a tinta os monxes daquel tempo e utilizarase unha pluma de ave para escribir un documento que dará fe da liñaxe de cada participante.

O obradoiro pode realízarse no propio centro de ensino ou tamén na sede do Arquivo, nunha dependencia preparada para actividades pedagóxicas, que consta de ventilación e permite a distancia social. A actividade está dirixida a escolares dende 2º ciclo de primaria ata bacharelato.

Trátase dunha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista didáctico, xa que permite ver o contraste existente entre os nosos acelerados tempos dixitais fronte a un pasado analóxico no que a pericia manual e o tempo pausado eran a dinámica da cultura.

3- Visitas ás exposicións do AHPOu (aprox. 60 min. cada exposición) 

As visitas achégannos as dúas exposicións permanentes dunha forma amena e próxima. Dáse a coñecer o rico patrimonio documental que recibe, conserva e difunde o Arquivo.

Dirixido a escolares de ESO e Bacharelato. Pódense realizar conxuntamente ou por separado.

San Francisco: arquitectura e historia ofrece un percorrido polas vicisitudes do edificio a través de documentos, maquetas, audiovisuais e capiteis graníticos que dan idea da evolución funcional e arquitectónica deste inmoble emblemático da cidade de Ourense que foi convento e despois cuartel, para finalmente converterse en Arquivo Histórico.

Documentos Históricos de Ourense presenta unha escolma de reproducións documentais que permite realizar un itinerario de máis de dez séculos que comezando polos máis antigos documentos monásticos do Medievo remata con testemuños escritos de célebres intelectuais do século XX.

Consulta dispoñibilidade de datas antes de facer a reserva no correo electrónico: reservas@xeitura.com

Actividade de balde

Prazas limitadas