Queixo

05 Abr 2022
05 Xuñ 2022

Queixo

No ano 1933, publicouse “Terra de Melide”, a famosa e emblemática publicación do Seminario de Estudos Galegos, na que se trata de estudar dunha forma integrada a xeografía, a prehistoria e arqueoloxía, a historia e a etnografía dunha bisbarra enteira.

Nesta obra descríbese a forma tradicional que había na comarca de facer o queixo. Forma na que xa comezaran a introducirse algúns elementos novos: “Pra prepal-o queixo, primeiro cólase o leite. Despois coállano, hoxe xeralmente botándolle auga do leite, coallo artificial preparado químicamente que se vende na botica, e antes, e agora tamén no tempo da matanza ou cando non hai auga do leite, co presoiro (bandullo ou estómago do porco)...”

Xusto naquel ano, dous irmáns, empresarios franceses, Pierre Michel e Alex Mottu, asociados inicialmente cun empresario local, Andrés Mariño Frade, crearon en Melide unha empresa dedicada á fabricación industrial de queixos e manteigas, a chamada “Granja del Oeste”. Coñecemos algúns pormenores da súa instalación grazas a unha demanda laboral que dous anos despois, en 1935, interpuxo un veciño de Melide, Jesús Blanco Arias, contra eles.

Blanco denunciou os franceses ante o Tribunal Industrial de Arzúa para reclamar 2.180 pesetas que dicía lle debían polo seu traballo de “chauffer para conducir una camioneta dedicada al transporte de leche para dicha fábrica y, una vez terminada esta operación, continuaba trabajando en los demás menesteres de la referida industria... hasta que fue inmotivadamente despedido...”

Os empresarios negaron tal despido e aduciron que o demandante traballaba máis ben como autónomo (sen empregar esta palabra, claro) e, tamén, ocasionalmente, realizaba outros traballos como operario para eles:

“La verdad de lo ocurrido es lo siguiente. El propietario de la Granja del Oeste tiene una camioneta para ir a recoger la leche a los diversos puntos donde la adquiere y transportarla hasta su establecimiento,y con ocasión de estar tal vehículo averiado entabló relaciones con el actor, a quien alquiló para el referido servicio, incluido el de transportar el agua necesaria para el servicio de la fábrica, así como el suero desde ésta al domicilio particular del propietario, otra camioneta que dicho actor posee y que algunas veces funciona lo bstante para realizar el referido transporte...”

 Pero non nos interesan tanto estes detalles (os empresarios foron condenados, descontando as cantidades que probaron que o condutor xa recibira) como a información que sobre a creación da fábrica achega a correspondencia do empresario Andrés Mariño con Pierre Michel Mottu. Son unhas cartas que aparecen soltas ao final do preito e que aparentemente non gardan relación directa con el, pois non foron utilizadas como proba para a súa resolución.

Nelas, Mariño anima a Pierre Michel a volver a Melide axiña para poñer en marcha a industria. Fálalle das súas dificultades para conseguir máis capital e, sobre todo, da oportunidade que supón a abundancia de leite en Melide, da súa posible recollida e do baixo prezo que acadan, en xeral os queixos artesanais que se venden en Melide en relación co que poderían pagar eles polo litro de leite.

Por outra carta, en francés, que un corresponsal de Bos Aires, lle enviou a Mottu en setembro de 1935, deducimos que a sociedade con Andrés Mariño non chegara a formarse ou non se consolidara, mais que o galego apreciara todo o que o francés lle aprendera en relación co queixo.

Pola súa extensión, ofrecemos á parte a transcrición parcial desas cartas.

Este expediente ten a signatura 2547-25.