
Día Internacional dos Arquivos 2014 no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra
Xornada de Portas Abertas
As visitas guiadas ás instalacións do arquivo inclúen o acceso á exposición na Sala dos Masóns: Documentación sobre os montes na provincia de Pontevedra no AHPPo. Séculos XVIII-XX.
Documentos pertencentes a: Hacienda de Pontevedra (Catastro do Marqués da Ensenada, Desamortización, Catastro de rústica...), Protocolos notariais, Concello de Pontevedra, Agricultura (Servizo Forestal, Lourizán...), Familias ...
Conferencia sobre Os preitos sobre montes en Galicia na actualidade. Casuísticas e formas de resolución, impartida por D. Gregorio Casado González
D. Gregorio Casado González é Licenciado en Xeografía e Historia, Doutorando en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.
É especialista en temas documentais sobre o monte en Galicia e falará sobre as fontes documentais nacionais, galegas, provinciais e municipais que teñen que ver coa problemática dos montes na actualidade.
Velada musical
Música Antiga e Ultreia é unha agrupación que recolle a herdanza do coro de canto gregoriano, formado por voces mixtas procedentes do ámbito da tradición oral pontevedresa, especializadas na interpretación da música vocal medieval.
Ademais de innumerables concertos por toda a xeografía española e europea, este coro séntese orgulloso de importantes edicións discográficas, entre elas o álbum Iacobus, gravación íntegra da música do Codex Calixtinus (S. XII) da Catedral de Santiago de Compostela.
Música Antiga e Ultreia mantén e amplía o seu repertorio tradicional incidindo no estudo e interpretación da música histórica galega, especialmente a conservada nos arquivos catedralicios galegos.
Dirixido por D. Fernando Olbés Durán, obtivo o Premio da Crítica 1994, concedido pola Xunta de Galicia pola gravación do disco Ave Maris Stella.
En xullo de 1999 obtivo a Medalla á Cultura outorgada polo concello d`Aigues-Mortes (Francia), por contribuír á mellora do entorno cultural e pola calidade conseguida.
En 1999, por facer que o nome de Pontevedra resoase de forma notable, obtivo o Premio Amigos de Pontevedra.
No ano 2000, a Fundación Premios da Crítica, dependente da Xunta de Galicia, concedeulle o premio pola edición discográfica do Codex Calixtinus na súa gravación completa, pola súa calidade sonora e coidado deseño.