20 Dec 2012
Tanto o Catastro do Marqués da Ensenada do século XVIII como a documentación xerada como consecuencia do proceso desamortizador do XIX ofrecen unha información que, máis aló do seu natural destino, hoxe en día, como fonte para a investigación histórica, amósanse como unha ferramenta fundamental na procura de solucións a problemas actuais. Os traballos preparatorios que tiñan como finalidade a implantación da Real e Única Contribución deron lugar a distintos tipos documentais. Nas Respostas xerais ao Interrogatorio do Catastro, as preguntas 3 e 23 fan referencia aos lindes do territorio de cada parroquia ou entidade catastrada e aos propios do común dos veciños respectivamente. Ademáis, o Real de Legos contén a información dos emolumentos do común que, no caso dos montes, figura a súa extensión, lindeiros, produto, calidade e un debuxo do perímetro ao marxe. Os Expedientes de excepción de vendas da Desamortización recollen os procedementos polos que os bens que se demostran ser de uso comunal non se desamortizan. Os Expedientes de información posesoria de 1861 conteñen o testemuño dos veciños respecto ao uso e lindeiros dos montes da parroquia. Desde hai tempo, a prensa recolle as novas das sentenzas xudiciais favorables ás comunidades de montes que presentaron demanda neste sentido e nas que se salientan o valor probatorio de tales documentos. É o caso das Comunidades de montes de San Martiño de Vilaboa e Salcedo (Pontevedra) contra o Ministerio de Defensa polo monte ocupado pola Brilat en Figueirido ou, tamén, o da Comunidade de montes de Guizán (Mos) á que se lle recoñece a propiedade de 262.000 metros cadrados de terreo do aeroporto de Vigo.