O 1 de outubro de 2012 o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra fixo a entrega ao concello de Tui da documentación histórica custodiada na capital da provincia desde o ano 1943

El 1 de octubre de 2012 el Archivo Histórico Provincial de Pontevedra hizo la entrega al ayuntamiento de Tui de la documentación histórica custodiada en la capital de la provincia desde el ano 1943
13 Dec 2012

O 1 de outubro de 2012 o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra fixo a entrega ao concello de Tui da documentación histórica custodiada na capital da provincia desde o ano 1943

Este feito tivo a súa orixe no ano 2005, cando o concello de Tui (Pontevedra) solicitou a devolución da documentación histórica do arquivo municipal depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra desde o 12 de marzo de 1943. A decisión de depositala no seu día no arquivo provincial respondeu á necesidade de conservala nunhas instalacións máis axeitadas para a súa adecuada custodia.
O fondo documental reclamado componse de 145 libros en soporte papel encadernados en pergameo, relativos ao concello de Tui, ao Catastro do Marqués da Ensenada e ás Xuntas do Reino de Galicia, e abrangue desde 1597 ata 1834, cun volume de 25 m.l. A súa lingua é o castelán e o tipo de letra mais empregada é a humanística. A meirande parte da documentación fala da historia da cidade de Tui na Idade Moderna (Libros de Acordos e Cartas Ordes) e da historia xeral de Galicia nese mesmo tempo (copias das Xuntas do Reino de Galicia). Conta, tamén, con copias auténticas dos libros do Real de Legos do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e da freguesía de S. Xurxo de Saiáns.
Como paso previo ao levantamento deste depósito, o concello tivo que acreditar os medios materiais, técnicos e humanos para garantir a custodia e o tratamento deste patrimonio documental para a súa conservación, consulta e investigación. Despois de comprobarse que se reunían todos os requisitos anteriores, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra iniciou o proceso de autorización de levantamento deste depósito ante o Ministerio de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Arquivos, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. da Xunta de Galicia. O 21 de decembro de 2011 aprobouse a Orde ministerial de autorización de saída definitiva deste fondo documental por parte do Ministerio de Cultura. Finalmente, o 1 de outubro procedeuse á súa entrega no edificio principal deste arquivo estando presentes as partes implicadas, tralo cumprimento das condicións estipuladas polo Ministerio de Cultura segundo a Orde citada (realización do transporte de documentos en condicións axeitadas e formalización de póliza de seguros, cravo a cravo).