20 Nov 2012
Por mor da entrada de documentación de Facenda relativamente recente a este arquivo, na súa función de arquivo intermedio, a información que ela ofrece está sendo, tamén moi demandada polos cidadáns, que buscan probar o cumprimento das súas obrigas, a existencia de realidades pasadas que lles afectan hoxe en día e, en definitiva, defender os seus dereitos.
Isto é o que fai que, dende hai tempo, o equipo técnico deste arquivo dedique parte das súas xornadas de traballo a describir os Expedientes de comprobación de valores xerados polas delegacións do ministerio de Facenda en Pontevedra e Vigo, as delegacións das consellerías de Facenda de Pontevedra e Vigo e as distintas oficinas liquidadoras que xestionan os impostos de sucesións, doazóns, transmisións e actos xurídicos documentados desde a súa transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia.
Os Expedientes de comprobación de valores que se custodian neste arquivo datan de finais do século XIX e chegan ata os anos 90 do século XX, e ofrecen unha importante información sobre lindes, superficies, propiedades, cargas, dereitose, aínda, datos xenealóxicos que vai máis aló da constatación do cumprimento da obriga de pago. O valor adminsitrativo da documentación deixa paso ao seu valor informativo.
A descrición de cada expediente mediante a ferramenta informática Albalá permite a súa rápida recuperación a través das buscas do/s nome/s do/s seu/s causante/s, apelidos, números de expediente, etc. Isto fai que o servizo ao cidadán se axilice e mellore a calidade da súa atención.