As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais.
O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos arquivos do Sistema de arquivos de Galicia que conten con persoal técnico arquiveiro. Serán tutelados polo persoal técnico dos centros receptores, sen prexuízo da coordinación e seguimento realizados pola consellería competente en materia de cultura.
O número de prazas convocadas será de dezaoito (18), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 11 desta convocatoria.
As bolsas terán unha duración máxima de 12 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral competente en materia de cultura de acordo co centro de destino. Darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución, non antes do 1 de xullo de 2026.
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nas materias de historia, arquivística e/ou xestión documental.
2. Acreditar coñecemento da lingua galega, nivel perfeccionamento, mediante certificado oficial ou Celga 4.
3. Non desfrutar, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a 6 meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral competente en materia de cultura, unha vez adxudicada a bolsa.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.
Prazo de presentación de solicitudes: do 13 de xaneiro ao 12 de febreiro de 2026.