01 Abr 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou a primeira Guía de acceso documental do sistema de arquivos,  unha ferramenta creada ao amparo dos obxectivos estratéxicos do Plan de Arquivos da Xunta de Galicia 2022-2026 e que pretende colaborar cos profesionais destes centros para axudalos a resolver cuestións de aplicación e interpretación xurídica. 

O texto está estruturado segundo un sistema de preguntas concretas e respostas directas que se apoian na lexislación e na xurisprudencia. Trátase dunha ferramenta que dá resposta ás demandas do sector e que permitirá que os profesionais poidan contar "cun instrumento de consulta que facilite criterios claros que permitan mellorar a interpretación da normativa". 

Agrúpase en oito grandes ámbitos temáticos que se centran en aspectos como a distribución das competencias entre arquivos, bibliotecas e museos; na diferenza entre o dereito de acceso e consulta e o dereito á información pública; en aspectos de interese da propiedade intelectual ou no uso e reprodución de obras. Isto complétase con información sobre o tratamento de datos de carácter privado, o dereito de imaxe, o público como creador de contidos culturais e os controis de acceso aos centros. Ademais, conta cun apartado específico sobre o manexo da publicación e un índice lexislativo.