O Sistema de Arquivos de Galicia

O Sistema de Arquivos de Galicia

Que é o Sistema de Arquivos de Galicia?

O conxunto de arquivos de Galicia, máis os órganos da Administración que son competentes para a súa ordenación e desenvolvemento, así como os correspondentes servizos técnicos, conforman o Sistema de Arquivos de Galicia.

Un sistema de arquivos é unha estrutura legal e administrativa que permite un eficaz funcionamento dos arquivos e, por ende, da propia Administración, para asegurar a súa conservación a longo prazo e o acceso de todos os cidadáns ao patrimonio documental.

O sistema  organízase en diferentes subsistemas con autonomía propia, relacionados entre si polos órganos de dirección e coordinación para o cumprimentos destes obxectivos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao Sistema de Arquivos de Galicia.

Os arquivos reúnen os documentos que as institucións, as entidades, as empresas e as persoas producen de forma natural no desenvolvemento das súas funcións e actividades (administrativas, económicas, sindicais, relixiosas, persoais...).

Os arquivos son ADMINISTRACIÓN e son CULTURA; poderíase dicir que representan a cultura da Administración porque constitúen o precipitado material das normas, dos procedementos, dos actos e da forma de traballar das organizacións públicas e privadas. Pero, nun sentido máis amplo, son cultura porque conforman algo tan transcendente como o patrimonio documental dun país.

O patrimonio documental é unha parte fundamental da memoria colectiva da sociedade. Os documentos que o integran ofrecen información, coñecemento, ciencia, garantía de dereitos cidadáns, transparencia, historia, arte... Por iso, debemos velar pola súa conservación e garantir o acceso de todos a el, desde o cidadán e o funcionario ata o xornalista e o investigador.

 

O SUBSISTEMA DE ARQUIVOS DA XUNTA DE GALICIA

O Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia comprende os órganos administrativos e os arquivos que, tanto no nivel central da Administración coma no nivel periférico, deben xestionar os documentos producidos pola Xunta de Galicia.

Forman parte do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia o Arquivo de Galicia,  os arquivos centrais das consellerías (ou os de entidades, empresas, fundacións ou corporacións que exerzan competencias de carácter público) e os arquivos de xestión dos órganos de goberno e administración da Comunidae Autónoma (ou os dos organismos citados), no nivel central;  e o  Arquivo do Reino de Galicia,  os Arquivos Históricos Provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra, arquivos  territoriais e arquivos de xestión correspondentes, no nivel periférico.